A IV Carreira Popular Pilar Barreiro Senra de Lousame terá lugar o 4 de novembro e incluirá un novo trazado con probas de 5 km e 10 km - Concello de Lousame

A concelleira María Regenjo destaca que “a intención é manter esta data fixa no calendario” e agarda que os cambios “animen a moita máis xente a participar e fomentar o deporte”

Pilar Barreiro explica que “é un circuíto bonito e con arborado” e apunta a que “está situada na mellor data, entre as carreiras máis antigas de Galicia”

As inscricións poden facerse dende hoxe en www.emesports.es. Gratuíto para menores e 6 euros para adultos

6 de outubro de 2018.- A concelleira de Deportes de Lousame, María Regenjo, e a atleta lousamiá Pilar Barreiro Senra, presentaron esta mañá as novidades da IV Carreira Popular Pilar Barreiro Senra, que terá lugar o domingo 4 de outubro. Un acto no que estiveron acompañados por Ezequiel Mosquera, responsable de EME Sports; o atleta local Marcos Mayo; e os técnicos de Deportes lousamiás Néstor Romero e Germán Romero.

María Regenjo desculpou a ausencia da alcaldesa de Lousame por motivos familiares e salientou que “este ano imos un pouco tarde porque quixemos fixar esta data da primeira fin de semana de novembro e mantela no calendario con probas deste tipo. Esperamos que isto nos permita seguir sumando máis xente á proba e para iso fixemos tamén outros cambios como un novo circuíto ou introducir a proba de 5 quilómetros canda a de 10 quilómetros”.

Así, a IV Carreira Popular Pilar Barreiro Senra terá lugar o domingo 4 de novembro. A proba en categoría absoluta disputarase sobre una distancia de 2 voltas de 5 km (10 Km) e poderán participar atletas federados e non federados. As inscricións centralizaranse na páxina web www.emesports.es, sendo a data límite para inscrición o xoves 1 de novembro de 2018 ás 23:59 horas. O importe da inscrición é de 6 € para a categoría absoluta e totalmente gratuíta para categoría de menores, que dá dereito a participar na actividade, seguros, avituallamentos, duchas e agasallos conmemorativos.

Cambios

Néstor Romero explicou que “as tres primeiras edicións tiveron lugar entre abril e maio, buscando non coincidir coa Semana Santa, que complicaba a concesión de permisos. Por iso quixemos sacala de aí e consolidala nunha data que a xente relacione coa carreira de Lousame. E optamos por poñela no medio das carreiras de Santiago, Negreira e Ourense, as máis antigas de Galicia. Creo que é unha data moi boa”.

Pola súa banda, Germán Romero explicou que este ano se decidiu tamén cambiar o percorrido “para intentar minimizar a dureza da proba e plantexar a posibilidade de ofrecer unha proba 5k para xente que non fai deporte habitualmente, xente sobre todo de Lousame que dicía que non se animaba porque se lles facía moi longo e nós agora propoñemos un circuíto de dúas voltas, para poder facer proba de 5k e 10 k”.

Sobre o novo circuíto, Néstor Romero salientou que “é un circuíto moi bonito, por onde adestraba a madriña da proba, Pilar Barreiro, e evitaremos tamén o desnivel da recta de San Roquiño”. Uns cambios que foron apoiados pola propia Barreiro Senra, quen indicou que “creo que está no mellor sitio colocada, entre as carreiras máis antigas de Galicia, e que o 5K abrirá moitas portas a xente que non se atreve cos 10 quilómetros e agora verá unha oportunidade de participar”.

Persoalmente, salientou que “é un percorrido bonito, con arboleda e algo de costa, e estou con ganas de correlo este ano”. De feito, durante a rolda de prensa xa confirmou que participará na proba 5k “pois chámame máis e se presta máis. A intención é facer o 5k e andar nos 4 minutos por quilómetro”.

Finalmente, Ezequiel Mosquera, quen bromeu dicindo que “se me deixades ir na bici prometo non só participar senón gañar”, puxo en valor o esforzo “dun pequeno concello rural coma Lousame por darse a coñecer e proxectarse fora do municipio a través do deporte”. Pola súa banda, Marcos Mayo non desvelou en que proba correrá, sen ben salientou que “o percorrido está moi ben pensado e será moi positivo, pois dúas voltas será algo que lle gustará tamén moito á xente que veña ver a carreira”.

Desenvolvemento da proba

A recollida de dorsais levarase a cabo o mesmo día da proba, a partir das 9:00 h., na Praza Teodomiro Hidalgo e será imprescindible presentar o DNI para a súa retirada. Ademais de polo dorsal, os participantes estarán identificados por un chip que deberán colocar nas zapatillas antes da saída. O feito de non levalos dará lugar á descualificación do corredor.

As probas escolares darán comezo ás 10:15 horas coas categorías infantil/cadete que percorrerán unha distancia de 1.800 metros. Ás 10:40 horas sairán os corredores da categoría Alevín para percorrer unha distancia de 1 quilómetros. Ás 11:00 horas terá lugar a carreira de 500 metros dos benxamíns; e ás 11:10, a dos prebenxamíns ao longo de 200 metros. Despois tocaralles aos Chupetes cubrir 50 metros (11:20 horas). Ás 11:45 terá lugar a proba xeral, na que os xuvenís cubrirán 5 quilómetros, os junior/promesa 10 km e os senior/veteráns elixirán entre 5k e 10k no momento da inscrición.

 

O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes das categorías chupete, prebenxamín, benxamín e alevín, é dicir, rapaces e rapazas menores de 11 anos. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres da carreira absoluta, outros tres trofeos para os gañadores de cada unha das nove categorías restantes (tanto para homes como para mulleres) e trofeos especiais aos participantes máis veteranos (tanto home como muller) e aos tres mellores atletas de Lousame na categoría absoluta, cortesía de SGS Seguros. Os premios non serán acumulativos. Ademais, todos os participantes serán agasallados cunha camiseta técnica conmemorativa da proba.

Un ano máis, o Concello de Lousame porá a disposición dos corredores/as un servizo de gardería para que os nenos e nenas estean coidados na Casa da Cultura mentres os seus pais e nais desfrutan correndo na proba. Un servizo que será totalmente de balde.