A brigada de obras do Concello de Lousame acomete reparacións na rede de saneamento e pluviais no lugar de Merelle - Concello de Lousame

Tamén se están a desenvolver traballos de desbroce en distintos espazos naturais e rutas de sendeirismo do municipio

7 de agosto de 2018.- A brigada de obras do Concello de Lousame aproveita estes meses para acometer actuacións de mantemento en diversas parroquias do municipio. Así, estes días están a rematar a reparación na rede de saneamento e pluviais da parroquia de Merelle, onde se detectou unha rotura na tubaxe.

Os traballos requeriron que se cortase un dos carrís da estrada que une Noia con Boiro á altura do lugar de Merelle, na parroquia de Tállara. Os traballos continuarán nos próximos días e, a maiores, levaranse a cabo nun área próxima desta mesma aldea na que tamén se detectaron desperfectos na rede.

O Concello de Lousame tamén acomete tarefas de limpeza e arranxos na ruta de sendeirismo do Río Vilacoba. Ao paso do percorrido pola aldea de Lesende, desbrozouse baixo o sobreiral e realizouse un reforzo das medidas de seguridade no acceso á zona de merendeiro. Incorporáronse uns escalóns de madeira para facilitar a baixada dos visitantes e evitar, deste xeito, posibles caídas.

Por outra banda, no lugar de Abelendo realizáronse traballos de reparación da fonte e do lavadoiro desta aldea. Aproveitouse tamén para acometer arranxos nun dos camiños.