O Concello de Lousame e Cruz Vermella organizarán cursos gratuítos para que os maiores aprendan a utilizar os seus móbiles - Concello de Lousame

28 de febreiro de 2018- O Concello de Lousame e Cruz Vermella colaboran na organización de cursos gratuítos para que os maiores do municipio aprendan a sacarlle todo o partido aos seus teléfonos e dispositivos móbiles. Uns obradoiros abertos á participación de toda a veciñanza de Lousame maior de 60 anos e que serán totalmente de balde, previa inscrición no Concello (981 820 494).

O Concello de Lousame e Cruz Vermella teñen previsto impartir varias edicións deste curso, en sesións de hora e media de duración. Durante ese tempo, os maiores coñecerán aplicacións sinxelas para os seus móbiles, así como trucos para manexarse mellor en redes sociais. Os lugares e días nos que terá lugar este curso confirmaranse nos próximos días, xa que é preciso contar con conexión wifi para a súa realización.

Este curso está enmarcado dentro da colaboración do Concello de Lousame e a Cruz Vermella, que ao longo do ano se traduce en actividades a prol do envellecemento activo da veciñanza co obxectivo de conseguir beneficios físicos e psíquicos para os maiores. As últimas iniciativas realizadas foron os obradoiros de máscaras de Entroido e os talleres de decoración de Nadal, que rexistraron unha participación media de máis de cincuenta persoas.