Máis de 1.500 persoas visitaron as minas de San Finx durante o ano 2017 - Concello de Lousame

O maior número de visitantes concentrouse no último trimestre do ano

 

Un total de 1.510 persoas visitaron as minas de San Finx durante o ano 2017, realizando un percorrido guiado polas instalacións da man de Mayte Sobradelo, licenciada en historia e técnica municipal do Concello de Lousame. Unhas visitas nas que os presentes coñecen tanto a historia das minas como a súa evolución ao longo dos anos, así como o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor este patrimonio.

O último trimestre de 2017 volveu ser o de maior afluencia de visitantes: un total de 570, que se xustifican na coincidencia de dous eventos: a celebración da primeira andaina e do trail San Silvestre de Lousame e da tradicional celebración da festividade de Santa Bárbara, que cada ano reúne a entre 50 e 80 persoas en San Finx. A media é duns 350 visitantes cada trimestre, salvo no primeiro trimestre do ano no que, pola propia climatoloxía, adoita ser algo menor.

De feito, durante o primeiro trimestre de 2107 rexistráronse un total de 210 visitas. Unha cifra que medrou ata as 380 do período entre abril e xuño e ás 350 visitas entre xullo e setembro. Ademais dun gran número de visitantes novos, procedentes dos distintos centros educativos da comarca ou fóra dela (como Coristanco, este ano), as minas de San Finx tamén reciben numerosas visitas de grupos de sendeirismo (que a toman como principio ou fin da ruta que leva o seu nome).

Visitas guiadas

As visitas guiadas poden concertase chamando ao Concello de Lousame (981 820 494) e, aínda que se adaptan as dispoñibilidades de tempo do grupo, adoitan durar unha media de entre hora e hora e media. Durante ese tempo, o grupo recibe unha charla no centro de interpretación das minas de San Finx onde se proxectan diapositivas sobre a historia das minas e a importancia que a extracción de estaño e de volframio tivo para a comarca dende finais do século XIX ata despois da “febre do volframio”, na posguerra civil española.

Despois, o grupo adoita visitar o centro de interpretación das minas de San Finx, onde pode ver unha maqueta a escala das minas como distinta documentación e trebellos relacionados coa traballo das minas e coa época, dende o propio wolframio ata teléfonos antigos, peneiras, imaxes antigas... Despois, os grupos visitan os distintos edificios do poboado mineiro (edificio de compresores, enganche eléctrico, armazón do pozo novo...) onde poden contemplar os equipos que se utilizaban na extracción do mineral, algúns deles en perfecto estado de uso como compresores, cabrestantes, forno de fundición de estaño, etc.