Política Social incrementa en máis dun 12% as horas anuais do Servizo de Atención no Fogar no Concello de Lousame - Concello de Lousame

O conselleiro José Manuel Rey Varela reuniuse en San Caetano coa alcaldesa Teresa Villaverde Pais

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, segue a impulsar o diálogo entre a Administración autonómica e os entes locais co obxectivo de mellorar o benestar dos fogares galegos. Así, na xornada de hoxe mantivo un encontro de traballo no seu despacho de San Caetano coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, que serviu para repasar os programas e servizos en materia social que presta a Xunta de Galicia neste municipio coruñés.

Despois da xuntanza, o titular de Política Social explicou que Lousame tamén se beneficiará do reforzamento do sistema de autonómico de dependencia que está a desenvolver o executivo galego mediante o incremento das horas do Servizo de Atención no Fogar (SAF-Dependencia) que teñen dispoñibles os concellos. Ao respecto, Rey Varela recordou que a Xunta aprobou o pasado mes de agosto habilitar máis de 1, 2 millóns de novas horas que deste este mes de setembro xa están a disposición dos concellos para a prestación deste servizo. A consellería estima que esta medida fará posible sumar ao redor de 4.000 novos beneficiarios do SAF no conxunto de Galicia, de tal xeito que ao final de ano se superarán os 20.700 dependentes atendidos a través desta prestación.

En concreto, no municipio de Lousame o incremento anual das horas dispoñibles de SAF-Dependencia sitúase por riba do 12% ata chegar ás 18.612, o que supón un investimento superior aos 180.000 euros anuais nesta prestación (incluída o aumento de horas habilitadas). Rey Varela destacou que o reforzamento do SAF obedece ao compromiso do Goberno galego de propiciar a atención adecuada ás persoas dependentes respectando o seu desexo de permanecer no seu contorno familiar. Así mesmo, apuntou que con esta medida a Xunta segue a impulsar a rede de servizos públicos profesionais de atención á dependencia e tamén o financiamento ás entidades locais que son as encargadas da xestión do Servizo de Axuda no Fogar.

Ademais, o responsable da área social da Xunta e a primeira edil abordaron outros asuntos como a colaboración económica anual que realiza a consellería para obras de mellora e mantemento punto de atención á infancia municipal ou a situación do mapa de infraestruturas.

Por último, Rey Varela insistiu en que o diálogo entre as diferentes administracións é vital para garantir unha mellora da calidade de vida dos galegos e galegas a través das políticas sociais, amosando a disposición da Xunta a seguir afondando nas liñas de colaboración co Concello de Lousame.