Comeza o taller de emprego Noia-Lousame-Outes 2022, que formará a 20 persoas en tratamentos silvícolas e repoboacións forestais - Concello de Lousame

- O obradoiro foi inaugurado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, acompañado dos alcaldes dos tres municipios.

 

O salón de actos da Casa da Cultura de Lousame acolleu onte o acto de posta en marcha do obradoiro de emprego “Noia-Lousame-Outes”, que formará durante doce meses a vinte persoas desempregadas nas especialidades de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. Un acto presidido polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais; o alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón; e o alcalde de Outes, Manuel González López.

 

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, destacou a importancia deste tipo de programas formativos “para facilitar a empregabilidade do alumnado que participa”. Así mesmo, destacou a idoneidade da elección das especialidades deste ano, tratamentos silvícolas e repoboacións forestais, xa que son “un nicho de traballo que ten demanda agora mesmo no noso territorio”. Por iso, recomendou aos presentes: “aproveitade a formación e que teñades moita sorte á hora de integrarvos no mercado laboral. Dende os Concellos estaremos á altura para que este obradoiro sexa un éxito”.

 

O alcalde de Noia, Santiago Freire, agradeceulle á Xunta a ampliación de 9 a 12 meses do período de formación xa que “é unha importante vantaxe fronte a outras edicións, xa que permitirá que o alumnado afonde tanto na formación teórica como na práctica en cuestións como talas en altura, rozas ou tratamentos silvícolas”. Neste sentido, asegurou que son especialidades que “teñen demanda, cada vez é maior o número de particulares e tamén administracións que recorren a empresas externas para facer este tipo de traballos”.

 

Un punto no que insistiu o alcalde de Outes, Manuel González López, para quen “a silvicultura e os traballos forestais son un sector que ten un gran potencial” e sinalou aos presentes que, ademais de faceren prácticas en empresas da contorna, “hai unha oportunidade tanto para traballar por conta allea como para crear o voso negocio porque cada vez hai más demanda tanto de particulares como da administración”.

 

Obradoiro de Rianxo

 

Finalmente, Gonzalo Trenor destacou que na comarca do Barbanza a Xunta financiará, na convocatoria 2022-2023, cinco obradoiros de emprego nos concellos de Ribeira, Boiro, Muros, Rianxo e Noia, grazas a un investimento que supera o 2,3 millóns de euros para formar a 95 desempregados desta área. O delegado da Xunta explicou que grazas a ampliación do crédito deste programa foi posible dar cobertura a todas as solicitudes e incluír ao concello de Rianxo entre os adxudicatarios destas axudas.

 

O obradoiro de emprego “Noia-Lousame-Outes 2022” é unha iniciativa promovida polos Concellos de Noia, que se encargará da súa xestión, Lousame e Outes e conta cunha financiación de máis de 500.000 euros achegados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Un programa mixto de emprego e formación que terá unha duración de 12 meses, cunha etapa de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional de 20 persoas.

 

O alumnado recibirá formación teórica e práctica para o desempeño das tarefas de forestación e reforestación, así como para a realización de tratamentos silvícolas e a protección e defensa das masas forestais destes tres municipios. Así, en Lousame actuarán en parcelas nas localidades da Silva, San Finx, Redullo e San Xusto de Toxosoutos, así como na contorna do castro da Comparada e nas parcelas cedidas pola comunidade de montes de Abeixón-Carantoña.

 

No caso de Outes, as actuacións desenvolveranse ao longo do Camiño de Santiago ao seu paso polas parroquias de Cando, Freixo de Sabardes, Outes, Roo, San Cosme de Outeiro e San Ourente de Entíns. Finalmente, en Noia contémplanse intervencións no centro da vila (alameda, xardíns Felipe de Castro, praza das Angustias e praza do Campo da Feira), así como nos malecóns de Gasset, Cadarso e San Lázaro. O alumnado do obradoiro tamén actuará sobre as prazas de Bergondo, Sofreixos e San Lázaro, así como nas contornas dos locais sociais da Barquiña e Barro e contornas naturais coma o campo das Rodas, o Monte do Bolo ou a contorna da Chaínza.