Trenor e Villaverde visitan en Lousame o autobús de Coidados Porta a Porta, que leva atendido a máis de 20.000 maiores en Galicia - Concello de Lousame

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitaron esta mañá un dos autobuses da campaña Coidados Porta a Porta, que está percorrendo todos os concellos de Galicia -agás as sete cidades- para levar servizos especializados de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria á porta da casa de máis de 100.000 galegos. Unha campaña posta en marcha pola Consellería de Política Social e Xuventude.

O delegado da Xunta lembrou que “oito autobuses están percorrendo a xeografía permanecendo entre tres e catro días en cada concello, de xeito que, en lugar de desprazarse o veciño ata o servizo, será o servizo quen se achegue”, ao tempo que precisou que deste servizo poderán beneficiarse todas as persoas maiores de 55 anos, con cita previa e de xeito totalmente gratuíto.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lousame salientou que “este servizo está tendo unha acollida marabillosa entre os veciños e veciñas. De feito temos lista de espera e agardamos que o autobús volva visitar Lousame no futuro. Demanda si que a temos e a xente está contenta co servizo”. Teresa Villaverde lembrou que “somos un concello totalmente disperso e a xente, de paso que vén ao centro de saúde, ao Concello ou á farmacia aproveita para traer a un familiar aos servizos que se ofrecen. Sempre imos participar en todo o que sexa para mellorar a calidade de vida dos cidadáns de Lousame”.

Durante a súa visita ao autobús instalado na praza Teodomiro Hidalgo de Lousame, Gonzalo Trenor e Teresa Villaverde estiveron acompañados pola xefa territorial de Política Social e Xuventude, María Blanco; así como pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo; e o tenente de alcaldesa, Ramón Martínez.

 

VisitaCoidados2

CoidadosLousame3

 

Máis de 20.000 persoas

Trenor destacou que máis de 20.000 persoas pasaron xa polas unidades móbiles do programa Coidados porta a porta da Xunta de Galicia desde que no pasado mes de marzo comezaran o seu percorrido por todos os concellos galegos. Por provincias, a da Coruña é a que rexistra ata o momento un maior número de beneficiarios desta iniciativa con máis de 5.600 usuarios.

Logo de destacar que esta iniciativa conta cunha achega entre 2022 e 2023 de preto de 10 millóns de euros, Trenor quixo agradecer a colaboración de todos os concellos así como de Afalu, a entidade social que xestionará este servizo, xunto cunha compañía de unidades móbiles.

Este programa enmárcase na aposta do Executivo autonómico por poñer a disposición dos veciños de máis idade que viven no rural todas as atencións que poidan necesitar. A este obxectivo responde o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que garante uns coidados profesionais a uns 25.000 galegos nos seus propios domicilios; o impulso de Xantar na casa, que leva a comida a 1.800 fogares; ou as axudas para crear máis dun centenar de Casas do maior, pequenos centros para favorecer o envellecemento activo e saudable nos concellos de menos poboación.

Para ser atendido en calquera dos autobuses de Coidados porta a porta, que continuarán percorrendo o territorio galego, cómpre solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.