Lousame inicia as obras de mellora do viario de Fruíme á Escabia, orzamentadas en case 120.000 euros - Concello de Lousame

Entre as actuacións figura a mellora do viario de Fruíme á Escabia afectado por un corremento de terras

27 de xullo de 2022.- O Concello de Lousame vén de iniciar as obras de mellora do trazado do viario entre Fruíme e A Escabia, adxudicadas por 119.998,30 euros á empresa Nemesio Ordóñez SA e que teñen un prazo máximo de execución de seis meses. Unha actuación que supón culminar un proceso iniciado en novembro de 2018, cando un forte temporal causou un corremento de terras que levou consigo parte do tramo desta estrada.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, destaca que “finalmente podemos darlle solución a unha obra moi complicada pois tivemos que encargar un estudo xeolóxico da zona sobre o que poder facer este proxecto de obras para así arranxar a estrada e evitar que se produzan corrementos de terras no futuro”. Así, os traballos comezaron hai un par de semanas coa construción dun muro de 100 metros de lonxitude con pedras de granito, cunha cimentación e recheo de material filtrante para a contención de terras.

Para evitar o problema das augas pluviais, farase unha canalización de 170 metros de longo con 6 arquetas de formigón con reixa. A maiores, mellorarase a seguridade dos peóns na zona coa construción de 260 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón de 15 centímetros de altura e 1 metro de ancho, xa que o lugar non dispón de beiravías.

Finalmente, os traballos inclúen a reparación dos 2.350 m2 desta estrada con vinte centímetros de zahorra artificial, quince de grava e rego de penetración, previos ao aglomerado en quente de toda a plataforma de cinco centímetros. Ademais de repoñer a sinalización horizontal, colocarase unha barreira de seguridade de 300 metros de lonxitude.

Próximas actuacións

Teresa Villaverde adianta que nos próximos días darán comezo tamén os traballos de mellora de dous tramos do camiño entre as localidades de Quintáns, Horta e Cairo, na parroquia de Lesende. “É unha actuación en aglomerado coa que imos mellorando pouco a pouco esta estrada, ata chegar a Lesende”, indica a alcaldesa de Lousame.

Os traballos contemplan a reparación de fochancas en dous treitos de estrada, de 310 e 710 metros, así como a execución de 125 m2 de sobreanchos. Finalmente, mellorarase a capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma. Unha obra adxudicada á empresa Nemesio Ordóñez SA por 50.200,61 euros.

ObrasEscabia2.jpg

ObrasEscabia3.jpg